Wednesday 26 de June de 2024

A conciliación familiar estival en Paderne contará con dous servizos gratuítos: aulas e campamentos


 Ambas as dúas propostas terán cinco quendas diferenciadas, de xullo a inicios de setembro

 O prazo de inscrición estará aberto ata o 14 de xuño e dá prioridade ás familias de Paderne con rendas baixas

 Sergio Platas: “Con estas dúas iniciativas reforzamos de xeito importante o servizo de conciliación e demostramos a nosa evidente aposta polos servizos. Pero ademais, ofrecemos unha alternativa de ocio saudable, que fomenta a integración e a educación en valores”

O Concello de Paderne pon en marcha o seu plan de conciliación familiar cara este verán. E faino cunha proposta dobre: dous servizos gratuítos que permitirán á rapazada de ata 14 anos gozar de espazos de recreación durante a época estival.
As Aulas de Conciliación e os Campamentos de Verán son as dúas propostas do goberno local. O executivo dirixido por Sergio Platas mantén a súa aposta polos servizos sociais para todos e todas e apostou por impulsar dous plans de ocio que, ademais, permitirán ás familias desenvolver unha mellor conciliación no período de vacacións dos nenos e nenas.

Por unha banda, as Aulas de Conciliación 2024 ofrécense como unha alternativa de lecer para os e as menores nacidos entre o 2020 e o 2016 -ata 8 anos de idade-. Tamén poderán participar as persoas cunha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% con capacidades que lles permitan integrarse no grupo e beneficiarse das actividades que se van desenvolver.

Neste sentido, as actividades terán como eixo vertebrador a igualdade entre nenos e nenas. Para iso, desenvolveranse iniciativas lúdicas de ocio como xogos cooperativos nos que se tratarán valores de respecto, igualdade, resolución de conflitos e fomento da cultura e a lingua galegas.
Este servizo desenvolverase no Centro de Maiores, na Aula de Informática, na Biblioteca e no Parque do Concello. Ademais, en función da meteoroloxía, realizaranse máis actividades no exterior e haberá saídas programadas unha vez á semana.
Pola outra banda, os Campamentos de Verán 2024 están destinados ás e aos menores de 9 a 14 anos de idade, ademais de a persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33% que cumpran o mesmo requisito que nas Aulas de Conciliación.

Coa igualdade tamén como pilar básico, este servizo ofrecerá actividades vencelladas aos deportes de equipo, deportes acuáticos, talleres de iniciación a deportes como tenis ou golf, actividades no medio ambiente e natureza, actividades artísticas e creativas e xogos de auga.

Ambas as dúas iniciativas contarán con cinco quendas diferenciadas para facilitar en maior medida a conciliación laboral e familiar. Neste sentido, a primeira irá do 1 ao 12 de xullo. A segunda, do 15 ao 31 do mesmo mes. A terceira arrincará en agosto ata o día 14. A cuarta, do 19 ao 30. Por último, a quinta irá do 2 ao 6 de setembro. En ningunha delas se inclúen os días festivos.

O horario de ambas irá das 8:00 ás 15:00 horas, aínda que a entrada poderá ser ata as 9:00 da mañá. A saída tamén será flexible, xa que comeza ás 14:30.
O prazo para inscribirse nestes servizos arrincou xa e vai ata o 14 de xuño. Para anotarse, é preciso aportar a documentación que aparece nas bases, publicadas na Sede Electrónica do Concello de Paderne (https://sede.concellodepaderne.es/sxc/gl/procedimientosytramites/tramites/Solicitudinscripcionactividadesconciliacion_N). Á hora de contar cunha praza, terán prioridade as familias empadroadas no Concello de Paderne con rendas inferiores a tres veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), que neste 2024 é de 7.200 euros en 12 pagas ao ano.
“Con estas dúas iniciativas custeadas polo Concello reforzamos de xeito importante o servizo de conciliación familiar para todas as familias con rapazas e rapaces de ata 14 anos. A nosa aposta polos servizos segue sendo moi evidente con accións como estas. Ademais, ofrecemos unha alternativa de ocio saudable, que fomenta a integración e a educación en valores nun período amplo no que a escola non está presente”, apunta o alcalde e responsable de Educación, Sergio Platas.